Saturday 18 de May de 2024

As baixas temperaturas rexistradas o mes pasado convertérono no xullo máis frío desde 2012


— Ángeles Vázquez engade que as precipitacións estiveron un 51% por baixo do normal e salienta “a radiación solar estivo moi por baixo da rexistrada o ano pasado, cando se superou por moito a media, o que “aumentou a sensación de mal tempo”

— Pon en valor o traballo dos profesionais de MeteoGalicia, un departamento de referencia da Xunta que opera os 365 do ano ao servizo de todos os galegos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou esta mañá que as baixas temperaturas rexistradas o mes pasado convertérono “no xullo máis frío desde 2012”.

“O sétimo mes do ano foi inestable e irregular, con frío nas comarcas atlánticas, seco e con poucos días de sol”, resumiu a conselleira, nunha visita esta mañá a MeteoGalicia onde avanzou o contido do informe climatolóxico de xullo.

O valor medio das temperaturas situouse nos 19.0ºC, o que resulta unha anomalía de -0.66ºC respecto ao período de referencia para o conxunto da Comunidade e fai que “este período se considere como frío e que haxa que mirar case unha década cara a atrás para atopar un precedente similar”. A media das máximas situouse nos 23.2ºC, mentres o das mínimas foi de 12.4ºC.

En todo caso, as temperaturas acadaron medias normais en puntos de Ourense, Lugo e o norte da Coruña, mentres que as zonas afectadas polo suroeste e o paso das borrascas, Pontevedra e sur da Coruña, foron as que estiveron por debaixo do agardado.

Así mesmo, a conselleira de Medio Ambiente indicou que “a radiación solar estivo moi por baixo da rexistrada o ano pasado, cando se superou por moito a media, o que “aumentou a sensación de mal tempo” en Galicia o pasado mes.

O período máis cálido do mes rexistrouse ao longo de tres xornadas —15, 16 e 17 de xullo—, con noites tropicais en puntos do litoral e temperaturas que foron ascendendo ata tocar os 40ºC en puntos illados do interior.

Por outra banda, cómpre salientar que, en xeral, un mes seco, debido a que as frontes que chegaron non foron moi activas, acadando valores normais unicamente en puntos de Pontevedra e do sur da Coruña. De feito, as precipitacións estiveron un 51% por debaixo do valor climático normal.

Así, a choiva media acumulada foi de 23.6 L/m2, sendo as medias máis elevadas no oeste de Galicia con valores próximos aos 120 L/m2 na comarca do Xallas, no Barbanza e no concello de Cuntis; mentres que os valores máis baixos déronse en gran parte da provincia de Ourense, con localidades nas que non se rexistrou precipitación.

Ademais, Ángeles Vázquez avanzou que o mes de agosto “empeza como remata o mes de xullo, con inestabilidade e escasa visibilidade”, polo que haberá que esperar ata a vindeira semana para verificar se se rexistra unha melloría. En todo caso, indicou que na Comunidade “a calidade do aire é boa, con zonas para coñecer e polas que pasear”, polo que animou “a desfrutar do verde de Galicia”.

Por último, a conselleira quixo poñer en valor o traballo dos profesionais de MeteoGalicia, un departamento de referencia da Xunta que opera os 365 do ano ao servizo de todos os galegos, cunha páxina web na que se pode consultar o estado das praias ou a radiación solar, e tamén das administracións, grazas ao sistema operativo contra as vagas de calor e para o servizo de extinción de lumes.